CARRACUCA é o proxecto onde a ilustradora Andrea Menéndez aglutina deseño, artesanía, customización e o universo tradicional galego.
A creación de imaxes plásticas é algo innato en Andrea, e dende cativa comeza a empaparse tamén das músicas e danzas tradicionais na súa vila natal, O Grove.
Durante a súa formación en Belas Artes en Pontevedra estas dúas constantes atopan o xeito de unirse. Aprende a canalizar a plástica, a dotar de significado conceptual as súas obras e a experimentar con outras técnicas máis alá do debuxo e a pintura.
Nese tempo, Andrea entra a formar parte da asociación O Tear de Llerena, onde bebe directamente da fonte da tradición, coñecendo a moitas das informantes que aínda lembran o pasado cercano do noso pobo.
_________________________________________________________________
A cultura, indumentaria e costumes, e a figura da muller nunha Galiza matriarcal sentan as bases do seu argumentario plástico.
_____________________________________________________
No eido da súa traxectoria escénica podemos destacar dúas etapas. Unha primeira na compañía de danza GS21 (onde a música tradicional pasa por unha achega aos plantexamentos de danza contemporánea e o teatro) e unha segunda etapa co nacemento de Projecto Trepia (onde se aglutinan música e danza tradicional, electrónica e videocreación).
Coa mirada posta no manifesto de identidade de Projecto Trepia, a súa proposta plástica e conceptual comeza a achegar á tradición parámetros contemporáneos.
Deste xeito nace Carracuca. Querendo poñer sobre a mesa as nosas raíces, o verdadeiro peso cultural de Galiza.
Os soportes ecolóxicos ou artesanais, os ítems culturais, o rexionalismo e a afouteza da RAIGAME fan que o seu proxecto sexa recoñecible e tinguen a súa obra de todo o que nos fai sentir honra do noso pasado nunha mestizaxe cos estilos visuais de vangarda.